Padres y Madres Separados

Ayuda práctica, jurídica y psicológica padres, madres, separados, divorciados e hijos

Nenos e nenas nas separacións e divorcios

Por Lois M. Toirán Vázquez (mestre no CEIP de Baralla e membro da Xunta Directiva da Asociación Galega de Pais e Nais separados.)

A ruptura da convivencia familiar medrou considerablemente na última década, Cada ano sepáranse ao redor de 8.000 parellas en Galiza e máis de 120.000 no estado (a tendencia á alza rompeuse co inicio da crise). O alcance social destas separación é enorme xa que case no 60% dos casos tiñan fillos.

O código civil supuxo nas separacións o outorgamento da custodia individual de forma xeneralizada á muller polo que o pai e a súa realidade extensa quedou case que á marxe do coidado e atención habituais. Isto, loxicamente, ten consecuencias especialmente na formación dos nenos e nenas.

Sen embargo, a evolución da sociedade fixo que comunidades (Valencia, Catalunya, Navarra, Aragón e proximamente Euzcadi) e estados (o último Suíza) se dotaran de lexislacións que favoreceran o contacto continuado dos fillos e das fillas cos seus pais tal e como recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno proclamada pola ONU no 1989 ratificada por España no 1990, que obriga aos Estados a respectar o dereito do neno a manter relacións persoais e contacto directo con ambos pais de modo regular. Este é un dereito inalienable e está por riba doutros intereses que poidan esgrimir tanto unhas como outros á hora de enfrontarse a unha separación na que os fillos se converten nunha ferramenta de chantaxe que nada ten que ver con salvagardar os intereses do propio menor.

Negar, hoxe en día, a implicación de moitos pais/homes nas tarefas domésticas e coidado dos fillos é un sen sentido. É algo obvio que vemos decotío. Un cambio notorio nada gratuíto nunha xeración diferente.

As leis deberan cumprir ademais, outro papel: a de favorecer o cambio social. Aí están as leis que favorecen ou fan unha discriminación positiva a colectivos que sofren desigualdade como pode ser a mesma muller.

 

Publicado el

A separación dos proxenitores provoca numerosos conflitos en menores e adultos ao vérense apartados repentinamente do seu pai e, ás veces, da nai e a súa realidade social, só polo feito de terse separado. Pódese ser ex-compañeiro ou ex-compañeira, nunca ex-pai ou ex-nai. Ademais cal é a formación familiar e social que estamos dando a ese neno, a esa nena? Que os fillos son asunto da nai? Van ser eses os papeis a repartir de adultos?

E por suposto, rebaixar a tensión existente é fundamental mediante o acompañamento da lei dunha potenciación da mediación familiar. O coñecemento implica maior sensibilidade e procura de solucións.

Moitos pais e algunhas nais afrontan esta nova situación somerxidos en profundas depresións e impotencia por perder a relación con fillos, por converterse en acompañantes por horas e vérense privados de participar nos aspectos máis básicos para un normal desenvolvemento do menor (levalo ao médico, á escola, bañalo, axudalo nas tarefas escolares…). Como se entende senón dende o descoñecemento e o interese partidista que si se poida facer nos períodos vacacionais escolares do menor (uns 50 días) e non durante o resto do ano?

Todos sabemos que, aínda que a sociedade evolucione, determinadas persoas van seguir ancoradas en modelos de vida desfasados. Para moitos deles e delas unha lei non lles vai facer cambiar a súa mentalidade tipo “dos nenos encárgaste ti” ou “dos nenos encárgome eu” respectivamente. Pero que ocorre con aqueles que si que queren facelo por amor, por responsabilidade, por sensibilidade resultado de novos coñecementos? Son os efectos colaterais dunha parte da loita feminista que ve nos nenos un seguro envelenado de vida, de recursos materiais (mentres duren)? Vai poder traballar unha nai inserta no mercado laboral e atender á filla, ao fillo en mellores condicións que naquelas nas que o pai participara desa educación e coidado? Non é unha nova forma moderna de patriarcado disfrazada de “progre”? Ou acaso serán capaces de afirmar abertamente, sen ningún rubor, que todos os homes son, polo mero feito de selo, violentos?

Pero unha nova lei, pensamos, permitirá que pais que queiran exercer como tais poidan levar a cabo esa obriga, porque debera ser unha obriga real na práctica, de coidar e formar ao seu fillo ou filla. É función do xuíz, da xuíza, dos fiscais, do IMELGA, do sistema de mediación ou doutros mecanismos de detectar e apartar deste sistema a aquelas persoas que tenten, pola porta de atrás, de sacar beneficio propio a conta do seu fillo e filla. É máis, a sociedade debera de poñer os medios necesarios para incitar, animar, formar, propiciar que as actitudes de todos os homes e tamén das mulleres foran encamiñadas a cumprir un mesmo papel cara aos nenos e nenas nunha sociedade en igualdade dentro e tamén fóra da relación familiar. Mecanismos hainos e aí está a discriminación positiva feminina en canto a súa participación nos órganos de direccións de diversas entidades, de acceso a axudas, etc.

A muller, dende o punto de vista persoal, non pode resignarse a afrontar ela soa a “custodia exclusiva” dos menores despois dunha separación, e ten que poder desenvolver a súa vida en igualdade co outro proxenitor -en ámbitos sociais, educativos, laborais, ocio… etc-. Temos que romper coas formulacións simplistas que atribúen á situación da muller a un único factor, os desexos de dominación masculina e tenden a presentar á muller e aos homes como dúas naturezas blindadas e opostas: as mulleres, vítimas; os homes, dominadores. Afortunadamente existen outras voces que berran dun xeito ben diferente.

E por último, está a importancia de desenvolver unha lei galega, adaptada a unha realidade específica onde aspectos como a dispersión da poboación e a abundancia de núcleos pequenos precisan dunha adaptación á hora de determinar as distancias entre os fogares.

Lois M. Toirán Vázquez é mestre no CEIP de Baralla e membro da Xunta Directiva da Asociación Galega de Pais e Nais separados.